Nigrán na memoria: curta documental ‘O mestre Antonio Roade’

O CONCELLO DE NIGRÁN ESTREA ESTE VENRES A CURTA DOCUMENTAL ‘O MESTRE ANTONIO ROADE’, ADICADO AO PROFESOR VETERANO DO MUNICIPIO
Encádrase na iniciativa ‘Nigrán na memoria’ que engrosa o Arquivo Histórico Audiovisual do Concello e que xa incluíu entrevistas a mulleres representantes de oficios desaparecidos ou unha reportaxe sobre o rehabilitado muíño de Porto do Molle
Antonio González Roade, de 90 anos, foi mestre no colexio Damas Apostólicas da Ramallosa desde a década dos 50 ata o peche nos 70, onde daba clases nunha sola aula a 52 alumnos de tódalas idades
“Seguimos a documentar a través dos nosos maiores tradicións, oficios e costumes porque forman parte do noso patrimonio inmaterial”, explica o alcalde, Juan González
Nigrán 04/02/26.- O Concello de Nigrán estrea este venres 6 de febreiro ás 18:00 horas no Cine Municipal da Ramallosa a curta documental ‘O mestre Antonio Roade’, encadrado na iniciativa municipal ‘Nigrán na memoria’. Deste xeito, a entrevista realizada por Cris Grande a Antonio González Roade, profesor retirado de 90 anos, pasará a engrosar o Arquivo Histórico Audiovisual de Nigrán xunto coas realizadas a mulleres nigranesas representantes de oficios desaparecidos (a muiñeira Rosa ‘de Malde’, a redeira Rosalía González e a campaneira Esther Nande) ou a reportaxe sobre o rehabilitado muíño de Porto do Molle. O obxectivo do Concello, neste caso, é poder retratar en boca do mestre veterano do municipio o sistema educativo de posguerra, con clases saturadas de estudiantes, sin segregar por idades, con escasísimos recursos e cun método docente antagónico ao do día de hoxe. A entrada é de balde ata completar o aforo e a duración da curta é de 36 minutos, tras a cal se establecerá un coloquio co protagonista, Antonio González Roade, coñecido polo seu alumnado como ‘Antonio Roade’. “Seguimos a documentar a través dos nosos maiores tradicións, oficios e costumes porque forman parte do noso patrimonio inmaterial. Neste caso propuxéronme documentar ao meu pai por ser o mestre veterano de Nigrán e quen pode explicar en primeira persoa como era o sistema educativo de posguerra, ese é o obxectivo, render homenaxe a todo ese profesorado a través dunha testemuña viva”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que xa se está traballando nunha curta que retrata a través dunha muller retornada a emigración de nigraneses a Sudamérica.
Antonio exerceu como profesor da escola Damas Apostólicas da Ramallosa, ubicada no Pazo de Pías, desde inicios da década dos anos 50 ata o seu peche nos 70, despois estivo na Academia Delta de Nigrán e, na derradeira etapa e ata a súa xubilación, no Divino Salvador de Coruxo. “Era unha época moi difícil, a min ensináronme a ensinar a que os estudantes obedecesen”, confesa o mestre. Desta dureza recorda especialmente que os rapaces,a maioría de San Pedro e Parada e de Belesar ou San Cibrán (Baiona), acudían a pé e se mesturaban medio cento deles, sen importar idade, nunha aula que era unha antiga cabaleriza con capacidade real para 20 persoas. Antonio cobraba 5.000 pesetas ao mes e os rapaces, todos varóns, pagaban 10 pesetas. “Os seus pais eran uns auténticos heroes, eu sempre digo que se tes un fillo o eduques sempre como fillo de pobre para que sexa un adulto responsable, como foron os meus. A min tocoume a lotería con eles”, di Roade, quen se sinte moi orgullosos deses homes, hoxe xa xubilados a maioría deles. “Recordo que xogaba con nos no recreo, ás canicas ou ao fútbol, era moi especial”, destaca un antigo alumno, quen di que tampouco escatimaba en broncas cando así tocaba. “Era un sistema moi duro que se baseaba na obediencia e con nulas axudas e poucas escolas públicas”, lamenta Roade.
