Teatro: ‘Memorias dun neno labrego’

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE ESTE DOMINGO A OBRA DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO ‘MEMORIAS DUN NENO LABREGO’
Nigrán é o primeiro municipio da provincia e o segundo en Galicia tras Vimianzo en acoller este espectáculo teatral que está a encher en cada pase o Salón Teatro de Santiago de Compostela.
Nigrán, 26.01.26.- O Concello de Nigrán ofrece este domingo 1 de febreiro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal o espectáculo do Centro Dramático Galego e Contraproducións ‘Memorias dun neno labrego’, obra teatral que conmemora o 65º aniversario da publicación da emblemática novela de Xosé Neira Vilas e o 10º do pasamento do autor. A entrada é de balde ata completarse o aforo, sendo Nigrán o primeiro municipio da provincia e o segundo en Galicia tras Vimianzo en acoller este espectáculo que está a encher en cada pase o Salón Teatro de Santiago de Compostela.
O dramaturgo e actor Cándido Pazó adapta e dirixe esta nova versión teatral da historia de Balbino, o rapaz de aldea que é xa un dos personaxes clásicos da nosa literatura. As súas lembranzas percorrerán durante as vindeiras catro semanas toda Galicia.
