
NIGRÁN REPITE ESTE MARZO O SEU ‘MES DA NATUREZA’ CUNHA CHEA DE PROPOSTAS CULTURAIS E DE OCIO
A través de Teatro do Ar e Somos Terra, lanza por segundo ano consecutivo unha programación con 17 actividades gratuítas co obxectivo de divulgar o seu patrimonio natural
Na pasada edición, máis dun milleiro de persoas participaron activamente nas rutas teatralizadas, xornadas de emprendemento e obradoiros de horta e teatro
Nigrán, 26.02.24. Nigrán ten unha natureza que vai máis alá da praia e do mar. Uns montes e uns espazos verdes que hai que coidar e disfrutar e un patrimonio inmaterial de gran riqueza. Baixo esta premisa, o Concello de Nigrán abre este sábado o ‘Mes da Natureza’, un proxecto materializado a través de Teatro do Ar e a Cooperativa Somos Terra para imaxinar como será o Nigrán no futuro. Esta segunda edición regresa con 17 actividades gratuítas durante todo marzo para pequenos e maiores para encher de cultura e sostibilidade os distintos espazos do municipio. Na edición do ano pasado participaron centos de persoas de maneira activa e, ante o éxito da mesma, o Concello decide repetir. “Volvemos apostar por un proxecto que tamén vén cargado de novidades, que apoia ao noso comercio local e que está organizado por dous colectivos de mozos de Nigrán ao que nos gusta apoiar”, explica o alcalde, Juan González.
Así, as actividades comezarán este sábado no Auditorio Municipal ás 11.00 horas cun xogo de aventuras para as crianzas. A xornada arrancará con pintacaras para que se metan na historia dun xogo no que deberán atopar a galiña desaparecida dunha veciña de Nigrán nunha viaxe na que coñecerán animais en perigo de extinción en Galicia.
Feira da natureza de Nigrán
Unha das principais novidades desta edición é a feira da natureza de Nigrán. Celebrarase o sábado 9 de marzo de 11.00 a 14.00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán e está organizada para que artistas, artesáns e emprendedoras do municipio poidan mostrar o seu traballo en 12 expositores. As persoas interesadas en participar poderán incribirse nun formulario de contacto na aquí. A asignación de prazas será por orde de inscrición. Durante a feira tamén se organizarán sobre o escenario charlas e obradoiros.
Ruta teatralizada e busca do tesouro por Parada e Monteferro
Volven as rutas teatralizadas, un dos grandes éxitos do ano pasado, pero con novas ideas e novos lugares. A primeira será o domingo 17 de marzo ás 10.00 horas no Monte Castelo de Parada en dúas quendas. Estará centrada en personaxes mitolóxicos galegos e as persoas que asistan poderán casar nunha voda celta. As prazas son limitadas e o formulario de inscrición xa está aberto. Inscrición aqui
A seguinte será o sábado 30 de marzo ás 11.00 horas en Monteferro. Está consistirá nunha busca do tesouro e estará centrada en atopar e conseguir as sete herbas de San Xoán. O grupo que remate antes esta busca recibirá un premio. As inscricións xa se poden facer. As prazas tamén son limitadas.
Concurso de vídeo e estrea de “Seca”
O domingo 24 de marzo ás 19.00 horas será a entrega de premios do certame “Ollo con Nigrán”, un concurso de vídeo onde se difunde a natureza do concello con máis de 1.000 euros en premios destinados a incentivar as compras de proximidade no comercio local. O ano pasado pasado participaron máis de cincuenta persoas en 26 vídeos, cifras que se esperan superar este ano.
O domingo 31 de marzo ás 19.00 horas Teatro do Ar estreará a súa nova obra “Seca” no Auditorio Municipal, unha comedia coa que reflexionar a importancia do coidado da nosa natureza para evitar que o noso rural e as nosas tradicións desaparezan.
Obradoiros nos colexios e nas hortas municipais
O mes da Natureza tamén chegará aos colexios e institutos públicos de Nigrán. Os alumnos de sexto de primaria e 1º da ESO recibirán un obradoiro de educación ambiental e teatral totalmente gratuito. Logo, o martes 5 na horta municipal da Ramallosa e o martes 12 na horta do parque Vázquez Grela ás 17.00 h haberá unha clase aberta de teatro para todas as persoas que desexen. Tamén se contactará con distintas agrupacións que traballan con colectivos en risco de exclusión para que as súas persoas usuarias participen.
O xoves 14 na horta de Ramallosa e o xoves 21 na de Nigrán tamén haberá obradoiros de traballo na terra totalmente gratuitos para as persoas que o desexen.


