O Concello instala paneis solares na Casa Consistorial e no Pavillón Municipal

O CONCELLO DE NIGRÁN INSTALA PANEIS SOLARES NA CASA CONSISTORIAL E NO PAVILLÓN MUNICIPAL NA SÚA APOSTA POR REBAIXAR AS EMISIÓNS

Investíronse un total de 16.536 € a través de fondos europeos que estarán amortizados en seis anos grazas ao aforro enerxético que permiten. O obxectivo é que de aquí a 2030 o 27% da enerxía empregada polo Concello proveña de fontes renovables

Nigrán, 20/12/21.- O Concello de Nigrán dá un paso máis no seu compromiso de rebaixar nun 40% as súas emisións de CO2 de aquí a 2030 instalando placas solares na Casa Consistorial e no Pavillón Municipal. Así, investíu 16.536 € no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da UE (código de procedemento IN422 K do INEGA) que estarán amortizados no prazo de 6 anos grazas ao importante aforro enerxético que permite o emprego de renovables. En total, instaláronse 12 placas e un inversor no Pavillón cunha produción fotovoltaica estimada de 7.886,21 kWh e, no Consistorio, 17 unidades e un inversor cunha produción estimada de 11.215,69 kWh.

O Concello de Nigrán está adherido ao plan de acción do ‘Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía’ co obxectivo marcado de deixar de lanzar 23.271 toneladas de CO2 á atmósfera tomando como referencia as cifras do ano 2017. Neste sentido, un dos obxectivos de cara a 2030 é que polo menos o 27% da enerxía empregada polo Concello proveña de fontes renovables.

“Daremos todos os pasos posibles para redubir a emisión en 1,32 toneladas per cápita só a través de iniciativas de competencia municipal, como tamén o é o cambio a iluminación LED no alumeado público”, explica o alcalde, Juan González, en referencia a este pacto ao que Nigrán se subscribíu oficialmente o 5 de agosto de 2019. O Plan de Acción ten como liña maestra o troco a iluminación LED como a fórmula estrela para acadar ese aforro do 40% de emisións e a substitución por renovables. Como proba irrefutable, a través do troco que ven levando a cabo o Concello en diferentes rúas nos derradeiros catro anos, o consumo pasou de 4,8 millóns de Kw/hora/ano a 3,6 millóns, cuantificándose o aforro en 61.839 €.

O Pacto foi lanzado en Europa no ano 2008 e reúne xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo o mundo, está coordinado en Galicia pola Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, coa adhesión ao Pacto, o Concello de Nigrán contribuiría á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolvido polas Nación Unidas para acadar un mundo máis xusto e sustentable.