#SanXoanSenLixo2022

FORMULARIO DE INSCRICIÓN BRIGADA MEDIOAMBIENTAL #SANXOANSENLIXO2022

 

 

O CONCELLO DE NIGRÁN REPITE O RETO PARA ACADAR UN NOVO #SANXOANSENLIXO

Baixo o hashtag #SanXoanSenLixo2022 o Concello retoma a exitosa campaña do 2019 para promover un reto viral en redes sociais que contribúa a concienciar aos participantes de non deixar lixo na praia

O Concello fai un chamamento ao voluntariado para doar unha hora do seu tempo formando parte dunha brigada medioambiental que incentivará a reciclaxe durante a noite, xa que se instalarán contedores separativos a pé de praia. O premio será un bautismo de surf gratis.

“Queremos repetir o éxito de 2019 no que por vez primeira Praia América amencía limpa. Os servizos de limpeza do Concello van acudir coma sempre, pero do que se trata é de que os participantes tomen conciencia, non debemos esperar a que ninguén recolla o lixo por nos”, insiste o alcalde

Nigrán, 09/06/22.- “Repitamos o reto, o mar non é un vertedoiro”. Baixo esta premisa o Concello de Nigrán lanza de novo o desafío #SanXoanSenLixo2022 motivado polo éxito acadado no 2019 (último ano que houbo fogueiras en Praia América-Panxón). O obxectivo é que sexa viral outra vez e que o areal volva a amencer completamente limpo grazas ao civismo dos participantes. Esta campaña de concienciación medioambiental foi presentada esta mañá no areal de Panxón coa presencia do alcalde e concelleiros, representantes das concesionarias Aqualia e Cespa, e como ‘padriños’ o futbolista nigranés da U.D Ibiza, Miki Villar; Pedro Novalbos, da Asociación de Escuelas de Surf de Patos; Juan Díaz, presidente da ED Val Miñor Nigrán, e outros particulares. Persoas recoñecidas como a deportista Desi Vila, o cantante Serafín Zubiri ou o adestrador do F.C. Barcelona feminino, Jonatan Giráldez, apadrinarán tamén a campaña participando no reto consistente en subir unha fotografía ou vídeo as súas redes sociais cun cartel baixo a etiqueta #SanXoanSenLixo2022.

O Concello de Nigrán, consciente da enorme cantidade de desperdicios que se xeneran esa noite, especialmente vidro e plástico, fai un chamamento á responsabilidade de cada un para que non se contamine a area nin chegue ao mar.”Queremos repetir o éxito de 2019 no que por vez primeira Praia América amencía limpa. Os servizos de limpeza do Concello van acudir coma sempre, pero do que se trata é de que os participantes tomen conciencia, non debemos esperar a que ninguén recolla o lixo por nos”, insiste o alcalde.

Brigadas medioambientais

Con este obxectivo o Concello repetirá a organización de 2019 instalando illas de reciclaxe a pé de praia e creará unha brigada medioambiental formada por voluntarios que creen conciencia durante a noite (en quendas dunha hora a partir das 21:30) invitando aos asistentes a facer a recollida selectiva e informando da ubicación dos contedores. Os participantes nesta brigada serán agasallados cun bautismo de surf gratuíto durante o Patos Surfing Day (26 de xuño) grazas ás escolas de surf de Patos. Os interesados poden anotarse a través dun formulario web en www.nigran.es. “Trátase dunha iniciativa que funcionou moi ben no 2019, con moi boa acollida entre a mocidade presente na praia, e que consideramos moi importante para que o reto se faga realidade, por iso animamos á xente a que doe unha hora do seu tempo a este cometido”, indica.

O Concello de Nigrán editou tamén cartelería ao respecto na que se incide en 5 premisas básicas: Non deixes lixo. Recicla. Respecta a protección do sistema dunar. Evita facer buratos, teñen impacto negativo no ecosistema. Recorda que as cabichas contaminan. Súmate a esta campaña medioambiental difundíndoa e concienciando aos teus.

“Cremos que a xente, especialmente a mocidade, está cada vez máis comprotedida co medio ambiente e sabe que isto inclúe tamén aos océanos, en Nigrán apelamos a esa conciencia medioambiental e non recurrimos á prohibición. A festa non ten que estar reñida con estes principios, Praia América é un tesouro natural e é responsabilidade de todos preservala”, insiste o alcalde.