Outubro: Mes do Teatro

O CONCELLO DE NIGRÁN ARRANCA ESTE SÁBADO O ‘MES DO TEATRO’ ESTREANDO UN CONVENIO COA FEDERACIÓN GALEGA DE TEATRO AFECCIONADO ‘FEGATEA’

Ao longo do mes, e tamén en decembro, haberá funcións no Auditorio Municipal tódalas fins de semana a cargo de compañías de diferentes puntos de Galicia grazas a este convenio mediante o que o Concello aporta 4.200 €

A Deputación de Pontevedra colabora coa representación o sábado 23 de ‘Top Manta’ de Fulano, Mengano e Citano

“En Nigrán temos un grupo de referencia que é Teatro do Ar, formado por mocidade do municipio con moito talento e moi activa, e a través precisamente deles decidimos subscribir este convenio con Fegatea que nos permite traer representacións de gran calidade ao tempo que colaboramos coas compañías galegas”, explica o alcalde, Juan González.

Nigrán, 05/10/21.- O Concello de Nigrán celebra un ano máis o ‘Mes do Teatro’ ao longo de todo outubro estreando o seu primeiro convenio coa Federación Galega de Teatro Afeccionado baixo o título ‘Fegateatro Nigrán 2021’. Así, todas as fins de semana (e tamén as tres primeiras de decembro) grazas a este convenio mediante o que o Concello aporta 4.200 €, haberá funcións no Auditorio Municipal a cargo de compañías de diferentes puntos de Galicia. Igualmente, a Deputación de Pontevedra, a través do programa ‘Tornar as Táboas’, colabora o sábado 23 de outubro coa obra ‘Top Manta’ de Fulano, Mengano e Citano. En total, este mes prográmanse cinco funcións de cadansúa compañía os días 9, 16, 17, 23 e 31 de outubro (todas no Auditorio Municipal, ás 20:00 horas os sábados e ás 19:00 horas os domingos, con entrada de balde ata completar o aforo).

“En Nigrán temos un grupo de referencia que é Teatro do Ar, formado por mocidade do municipio con moito talento e moi activa, e a través precisamente deles decidimos subscribir este convenio con Fegatea que nos permite traer representacións de gran calidade ao tempo que colaboramos coas compañías galegas de teatro afeccionado, incluíndo por suposto Teatro do Ar”, explica o alcalde, Juan González.

Así, a compañía viguesa Atrezo Teatro será a encargada de abrir a programación este sábado 9 ás 20:00 horas con tres obras de microteatro, ‘A conciencia’ (20 minutos), ‘As camelias brancas’ (20 minutos) e ‘A chaqueto de borreguito’ (17 minutos) .

O sábado 16 será o turno do grupo de A Estrada ‘Disfunción continua’ coa obra ‘Departamento de selección’, dirixida a un público maior de 15 anos e cunha duración de 1h10 minutos. Trátase dunha peza na que un grupo de persoas acceden a unha entrevista de traballo para entrar nunha multinacional, pero a dureza das entrevistas converterán o proceso selectivo nun xogo cruel e perverso que sacará o peor de cada personaxe. A obra supón unha crítica á deshumanización do mundo capitalista que nos converte en inimigos e competidores dispostos a emprender unha loita salvaxe na que todo vale. Está dirixida por José García e interpretada por Clara Iglesias, Rosa López, María Porto, Bea del Río e Natalia Carbajal

A programación continúa o domingo 17 ás 19:00 horas coa obra de teatro cego ‘Coa mirada nas túas mans’ da compañía Lohengrín, de San Andrés de Comesaña (Vigo). Esta función obtivo o segundo premio da categoría Teatro nos Xuventude Crea 2020. Pertence ao xénero de teatro sensitivo xa que é unha obra pensada para público cego, con visión reducida e para as persoas que o queiran presenciar cos ollos tapados. Ten unha duración dunha hora e está pensada para público maior de 14 anos.

O sábado 23, a través do programa ‘Tornar as táboas’ da Deputación de Pontevedra, acude ao Auditorio Municipal a compañía viguesa ‘Fulano, Mengano e Citano’ coa obra ‘Top Manta’. Os cortes económicos como consecuencia da crise empuxan a dous actores a cambiar os grandes escenarios polo top manta na rúa. Como todas as producións da compañía viguesa, ‘Top Manta’ é unha comedia crítica e sarcástica sobre a realidade, aínda que os seus responsables, escapan do “ politiqueo barato”.

Finalmente, o ‘Mes do Teatro’ péchase o domingo 31 coa comedia para todos os públicos ‘Lisístrata’ do grupo ourensán Teatrino.

O convenio con FEGATEA exténdese ao mes de decembro, cando terá lugar o día 4 a representación ‘Ultrasónica’ de Paso de Valverde (Arteixo); ‘Distintas Compañías’ de Teatro do Ar (Nigrán) o día 11 e, finalmente, ‘Get Back’ de Porta Aberta (Vigo) o día 18.

FegaTeatro

‘FegaTeatro’ xurde como proposta de Fegatea para achegar o teatro amador a espazos de nova creación, mesmo aos que non contan cunha dotación técnica axeitada ou onde non existe unha programación teatral estable de carácter profesional. O obxectivo é ampliar a oferta cultural e contribuír a creación de novos públicos mediante unha programación estable e axeitada ás demandas de cada localidade