Arquivo Histórico Audiovisual

O CONCELLO DE NIGRÁN PIDE FOTOS ANTIGAS Á VECIÑANZA PARA CREAR UN ARQUIVO HISTÓRICO AUDIOVISUAL DO MUNICIPIO

Ultima xa a creación dunha web na que se pendurarán todas aquelas imaxes antigas facilitadas pola cidadanía con interese etnográfico ou paisaxístico e que contribúan a comprender a evolución histórica do municipio

“A raíz do éxito da exposición ‘Mulleres de Nigrán -1970’ consideramos que sería interesante crear un arquivo online con todo tipo de fotos ou vídeos que axuden a visibilizar a Historia máis recente de Nigrán”, sinala o alcalde, Juan González

Antigas escolas, oficios tradicionais, festas veciñais, paisaxes xa desaparecidos… O Concello fai un chamamento á veciñanza para que envíen imaxes deste tipo a comunicacion@nigran.org ou as leve a escanear ao Concello

O Concello de Nigrán ultima a posta en marcha dun arquivo histórico municipal online coa creación dunha web onde se recompilarán imaxes ou vídeos de interese etnográfico ou paisaxístico para o municipio facilitadas pola propia veciñanza. Paralelamente, o Concello está a dixitalizar as cintas de vídeo da antiga televisión local co obxectivo de que todo se poida consultar tamén nun posto específico para audiovisuais da nova Biblioteca.

Por este motivo, e para iniciar a posta en marcha da web, desde o Concello de Nigrán fan un chamamento á cidadanía para que rebusque no seu arquivo familiar prestando especial atención a fotos ou vídeos anteriores a 1970 que retraten oficios tradicionais, antigas escolas, festas veciñais, paisaxes xa desaparecidos… Calquera documento que contribúa a fixar a Historia recente de Nigrán e a explicar o seu desenvolvemento económico, cultural e social. As vías para facilitalas son: a través do mail comunicacion@nigran.org ou por privado no Facebook Concello De Nigrán (en ambos casos con calidade suficiente) ou ben directamente no Concello (Oficina de Información Cidadá) onde serán escaneadas e entregadas de volta ao momento. No caso de posuír un arquivo numeroso, desde o Concello ofrécese a posibilidade de recollelas a domicilio co compromiso de devolvelas nun prazo de 48 horas. Xunto a foto debe ir toda a información que se posúa dela (ano, nomes, lugar, etc). Igualmente, a páxina web está a deseñarse de tal xeito que calquera usuario poderá comentar unha imaxe co obxectivo de enriquecer datos para a súa catalogación.

“A raíz do éxito da exposición ‘Mulleres de Nigrán -1970’ na que recompilamos imaxes con mulleres como protagonistas consideramos que sería interesante crear un arquivo online con todo tipo de fotos ou vídeos que axuden a visibilizar a Historia máis recente do municipio”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca a conveniencia de que sexa un arquivo online “para que de verdade resulte facilmente accesible a todas as persoas e para que, precisamente, as familias conserven os seus orixinales e se animen a participar”. O Concello recurrirá tamén a arquivos privados e públicos para engrosar a escolma e pendurará as 150 fotos da mencionada exposición de mulleres.

Sabemos que nos fallados e maletas de cada casa hai fotos que son auténticos tesouros que se están a perder e aos que non se lles dá importancia, e este arquivo nace precisamente para eso, para que non se queden alí esquecidas, para que todos podamos compartir, fixar e aprender desas marabillosas testemuña da nosa Historia recente”, explica María Villar, responsable de prensa do Concello e deste proxecto. “No 2019 a veciñanza respondeu masivamente á petición do Concello para rescatar fotos antigas de mulleres e confiamos que agora tamén será así, porque este proxecto ademais non ten unha data de fin, irá medrando con todo aquelo que vaiamos recompilando”, engade.