Patos acollerá unha xornada de limpeza de praias

CEMMA e a escola de surf Prado, en colaboración co Concello de Nigrán, celebrarán este sábado na praia de Patos unha jornada de limpeza de praias da man de Surfrider Foundation Europe, dentro da campaña “Iniciativas Oceánicas”. Trátase dun evento eco-cidadán para concienciar da problemática dos residuos acuáticos mediante limpezas de praias, lagos, ríos e fondos mariños.

Esta entidade de ámbito mundial organiza limpezas en todo o mundo dende fai 18 anos, rexistrando en 2013 unha participación total de 50.000 persoas. En Galiza son varias as organizacións que se unen á convocatoria.

Nesta edición, a escola de Surf PRADO e o concello invitan a desfrutar dun día de voluntariado ambiental, para o cal contan coa colaboración da entidade CEMMA que ten unha longa traxectoria na defensa dos ecosistemas mariños e na educación ambiental.

A xornada comezará pola mañá, as 11.00 horas cunha limpeza de praia recollendo todo o lixo que atopen, e que deste xeito non rematará de novo no océano. Á vez que se recolle irase separando nas bolsas axeitadas para a súa posterior reciclaxe. Sobre as 12.30 o equipo da CEMMA realizará un simulacro de varamento, no que os alumnos e alumnas poderán aprender as nocións básicas cando se atopen un animal varado na praia.

Por último todos os participantes terán unha sesión de surf para disfrutar do mar. Alén destas actividades durante todo o día a CEMMA colocará un punto de vixianza con telescopios para observar cetáceos que se acheguen á praia, e unha exposición sobre estes interesantes animais.

Alén do seu impacto visual, os plásticos supoñen un grave perigo para a flora e fauna mariña, xa que inxire plásticos confundíndoos con alimento ou acaban enredados provocándolle graves lesións, dificultades para moverse e finalmente a súa morte. Outro dos problemas é que o plástico acaba desfacéndose en pequenos anacos que son inxeridos por peixes que poderán rematar nos nosos pratos. Isto fai que os compoñentes tóxicos e canceríxenos dos plásticos pasen aos seres humanos, afectando directamente á nosa saúde.

“Estas limpezas de praias non deben ser un feito illado, senón que serven para crear conciencia cidadá da necesidade de reducir a nosa pegada ecolóxica”, sinalou a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva. Por iso, a mellor maneira de actuar ante este problema é reducir o consumo diario de plástico, reutilizar o máximo posible e reciclar.