O concello outorga ao SERGAS a licenza para o novo centro de saúde de Panxón

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, asina o decreto mediante o cal o Concello de Nigrán outorga ao SERGAS a licenza municipal de actividade para o novo centro de saúde de Panxón e avanza que, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, “a nova infraestrutura sanitaria estará en funcionamento no segundo semestre de 2015”.

A Consellería de Sanidade adiantou ao rexedor que a obra está en período de licitación, pero a súa adxudicación farase efectiva nas próximas semanas. “Deste xeito, e atendo ao período de execución do proxecto establecido nun tempo máximo de quince meses- o novo centro de saúde de Panxón estará operativo e a pleno rendemento o próximo ano”, observa Valverde.

A construción desta nova instalación da rede sanitaria pública galega, cun investimento de 1,3 millóns de euros, está cofinanciada con fondos europeos e enmárcase dentro do obxectivo da Estratexia Sergas 2014 de modernizar as infraestruturas da rede de atención primaria, para mellorar a asistencia prestada á cidadanía e a contorna de traballo dos profesionais.

O rexedor municipal subliñou a importancia deste investimento por parte da Consellería de Sanidade, “un investimento que constata unha vez máis o compromiso da administración autonómica co municipio e que dará cumprimento a un compromiso adquirido cos nosos veciños en maio de 2011”, apunta.