Nigrán prolonga a campaña Descobre Nigrán

O Concello de Nigrán prolonga ao longo do presente mes a campaña Descobre Nigrán, coa programación de dúas novas saídas gratuítas de sendeirismo e de pazos. A causa desta ampliación da campaña non é outra que o éxito rexistrado nos meses de verán, con máis de 400 usuarios nos meses de xullo e agosto.

As visitas guiadas polos pazos celebraranse os xoves 19 e 26 de setembro, con saída ás 18.00 horas desde a Oficina de Turismo Dunas de Gaifar, en Panxón. Desde aí, os participantes percorrerán o Pazo das Pías, na Ramallosa, o de Cea, en Nigrán, e o da Touza, na parroquia de Camos.

As rutas de sendeirismo terán lugar os sábados 14 e 21, con saída desde a Oficina de Turismo Dunas de Gaifar ás 10.00 horas. O día 14 realizarase a ruta Praia dos Afogados, baseada na novela homónima de Domingo Villar, unha novidade na programación desta tempada, e o 21 o Carreiro Circular de Camos.

Máis información na Oficina de Turismo Dunas de Gaifar, no teléfono 986 36 87 24 e no correo electrónico oficinaturismo@nigran.org.