Nigrán presenta o I Concurso Gastronómico Bocados 2014

A Asociación de Empresarios do Val Miñor OVALMI e o Concello de Nigrán presentaron na mañá de hoxe o I Concurso Gastronómico de Minicocina Bocados 2014, nun acto celebrado no Salón de Actos municipal, no que participaron o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva, a concelleira de Promoción empresarial, Comercio e Emprego, Rosa Rodríguez, a presidenta da Asociación de Empresarios de Val Miñor OVALMI, Déborah Mouriño, e José Anxo González Goce, Eladio Pérez Penedo e Francisco Rodríguez Miniño, en representación do sector hostaleiro da asociación.

O concurso, que se desenvolverá entre o 1 e o 11 de maio, congrega na súa primeira edición a 20 establecementos participantes, que deberán ofrecer no período mencionado dous bocados ou tapas, unha por valor de 1,50 euros e outra por valor de 3 euros, con total independencia da consumición de calquera outra bebida ou produto.

O rexedor municipal aplaudiu esta nova iniciativa da sección hostaleira de OVALMI, “que se suma a outras realizadas desde a asociación en colaboración co concello no último ano e medio”, sinalou. Valverde e reiterou todo o seu apoio a esta nova campaña de dinamización da hostalaría e restauración local, unha campaña desenvolvida de forma conxunta que pon de manifesto que a senda da colaboración é o mellor camiño para a promoción da actividade hostaleira, unha dos alicerces da economía de Nigrán”.

Premios e votación
Todos os establecementos participantes poderán optar ao premio ao “Mellor bocado 2014”, cuxa elección quedarán en mans dos clientes participantes. Os clientes interesados en facer a ruta completa de Bocados 2014 e participar na votación para elixir os mellores Bocados deberán adquirir o folleto de participación denominado GASTROMAPA, que actuará a modo de guía para facer o percorrido das tapas, nos establecementos participantes.

Cada vez que consuman algunha das tapas ofrecidas polos establecementos participantes, estes últimos, selarán o folleto. No caso de que unha mesma persoa consuma varias tapas no mesmo establecemento, leste marcará con selo en tantos GASTROMAPA como consumicións de tapas realizase.

Para poder votar á mellor tapa e optar ao sorteo de premios o GASTROMAPA deberá estar completo, é dicir, estar marcado por catro selos de establecementos diferentes. Unha vez completado, o consumidor deberá cumprimentar o apartado de datos persoais do GASTROMAPA e depositalo nas caixas de correos habilitadas para eles en calquera dos establecementos participantes.

Do reconto das votacións realizadas polos participantes, sairán os 3 nomeados ao Mellor Bocado 2014 da tapa 1 (1,50 euros) e o tres nomeados ao Mellor Bocado da tapa 2 (3,00 euros), que se corresponderán co tres establecementos de cada unha das tapas que tivesen maior número de votos.

O premio honorífico aos dous Mellores Bocados (un na modalidade de 1,50 euros e o outro no de 3,00 euros) será concedido a aquel ou aqueles establecementos que conseguisen o maior número de votos no cómputo total das dúas tapas ofrecidas durante o concurso.

Ademais, entre os consumidores participantes que cumprisen o establecido nas bases, sortearanse unha serie de premios, entre os que se inclúen tres invitacións para dúas persoas cada unha, para asistir á comida que se realizará en Adegas Val Miñor o día da entrega de premios aos Mellores Bocados, o 19 de maio.