Nigrán non sancionará a mendicidade nin a existencia de galiñeiros

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, desmente tallante o titular publicado o domingo 22 de febreiro por un periódico relativo á ordenanza de convivencia que o goberno municipal levará ao pleno deste mes, un texto que deixa entrever unha interpretación incorrecta do contido da ordenanza ao afirmar que Nigrán prevé multas por valor de 600 euros por mendigar ou ter un galiñeiro.

Antecedentes
Como xa avanzou o rexedor, o obxecto prioritario da ordenanza que o goberno municipal levará a aprobación inicial no pleno deste xoves non é outro que perseguir a erradicación do botellón nos espazos públicos e os actos vandálicos, que xeran destrución do mobiliario público e continúas molestias aos veciños de Nigrán, e de forma particular á contorna da Ramallosa, así como un maior control sobre o depósito de residuos urbanos nos espazos habilitados para tal fin.

Unhas medidas que pretenden reducir o impacto negativo tanto estético como ambiental que ditas prácticas xeran, pero sobre todo mellorar a calidade de vida dos veciños do municipio, “cuestións básicas para un municipio da envergadura e as características de Nigrán”, puntualiza o alcalde.

Nigrán non sancionará a mendicidade
En relación á mendicidade, Valverde subliña que o que regula a nova ordenanza é a prohibición de condutas que, baixo a aparencia de mendicidade, representen actitudes coactivas ou de acoso para os veciños, ou que obstaculicen ou impidan o libre tránsito de persoas ou vehículos polos espazos públicos, así como as actividades de vixilancia ou asistencia ao estacionamento de vehículos, ou outras semellantes, nos espazos públicos do termo municipal.

O único obxectivo deste artigo é evitar condutas que, baixo a aparencia de mendicidade, entrañen verdadeiras coaccións ou acosos aos veciños. “Non se trata por tanto de sancionar a unha persoa que carece de recursos e que, desgraciadamente, vese obrigada a solicitar a axuda de terceiras persoas na rúa, senón máis ben todo o contrario, xa que o que busca é evitar prácticas que empregan a coacción ou o acoso aos veciños para obter esmola a cambio”, subliña o alcalde.

Animais en chan urbano
O outro punto malinterpretado da norma alude á existencia de animais en zonas urbanas. A proposta do goberno municipal regula a existencia de explotacións agrarias con finalidade comercial en chan urbano, quedando exentas desta prohibición as pequenas explotacións domésticas destinadas ao autoconsumo. Neste último caso, os propietarios deberán establecer as medidas hixiénico-sanitarias para evitar causar molestias aos veciños e garantir o bo estado dos animais.

Así mesmo, Valverde lembra que este punto alude unicamente ás zonas urbanas, que en Nigrán se limitan á contorna do concello e os núcleos de Panxón e A Ramallosa, non ao chan de núcleo rural e rústico.

Réxime sancionador
A contía das sancións é outro dos aspectos da información publicada onte que o alcalde quere aclarar. A ordenanza recolle un réxime sancionador de até 600 euros para as infraccións moi graves, producidas por reiteración das graves. “De ningunha maneira a ordenanza establece que ningunha das circunstancias descritas anteriormente sexan infraccións graves ou moi graves, tal como asevera o titular do periódico publicado o domingo 22 de febreiro ao dicir que estes supostos se sancionarán con multas de até 600 euros”.

O contido da ordenanza feito público polo periódico é unha proposta na que o goberno municipal segue traballando para que o texto que se vote o vindeiro xoves no pleno –que poderá ser enriquecido con propostas doutros grupos políticos se as presentan- cumpra da mellor forma posible o obxecto desta ordenanza, “que non é outro que mellorar a imaxe e a calidade de vida dos veciños, non para xerarlles novas cargas”, conclúe o rexedor.