Nigrán despídese do Museo Científico Xuvenil

Os alcaldes de Gondomar e Nigrán, acompañados de concelleiras dos tras concellos da comarca, clausuraron hoxe o Museo Científico Xuvenil instalado no Hotel Miramar, en Praia América, unha mostra que reuniu máis de 80 obxectos baixo a lema “prohibido non tocar”.

A actividade ten como obxectivo promover a curiosidade e interese entre os máis novos polas ciencias e a natureza, motivando as ganas de aprender sobre gran variedade de disciplinas científicas e que esconde tamén divertidos tópicos.

Os organizadores, o enxeñeiro gondomareño, Jesús Fernández, e a súa socia María José Gil, organizaron a exposición en doce bloques temáticos, a través dos cales os visitantes puideron sorprenderse, descubrir e aprender cuestións que en moitas ocasións rozan a aparencia de truco de maxia. Nada máis lonxe da realidade, xa que nesta mostra todo é ciencia.

Por todo iso, o goberno municipal iniciará as xestións necesarias para que este museo científico itinerante volva recalar en Nigrán unha vez máis. “Coordinaremos cos responsables para traer a exposición ao Salón de Actos municipal e abrila de forma gratuíta tanto ao público en xeral como aos escolares do municipio”, avanza o rexedor municipal, Alberto Valverde.