Nigrán despide abril cun campionato de surf e bodyboard e o II Rally de Regularidade

A praia de Patos converterase este fin de semana na capital galega do surf e o bodyboard, coa celebración da segunda proba infantil e xuvenil do Circuíto Galego, así como a clasificatoria para a final do Campionato de España de Promesas, que atraerán máis dun centenar de surfistas, sendo esta a proba a nivel galego que máis deportistas congrega.

Os surfistas, procedentes de distintos puntos de Galicia e do resto de España, gozarán dunhas condicións de ondas máis que favorables para o desenvolvemento de ambas as dúas probas, organizadas por Prado Surf Club e a Federación Galega de Surf, en colaboración co Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra, entre outros patrocinadores.

II Rally de Regularidade Concello de Nigrán
O II Rally de Regularidade Concello de Nigrán, organizado polo Club Clásicos de Valmiñor, quenta motores en As angustias, onde se darán cita o próximo sábado 26 de abril máis de 70 vehículos clásicos e en torno a 150 pilotos e copilotos. Os participantes deberán percorrer 150 quilómetros en 4 horas e media, cumprindo coa maior rigorosidade posible os tramos nos tempos establecidos pola organización, sempre sen saltarse o código de circulación.

O primeiro vehículo sairá de As angustias ás 16.00 horas, e tras percorrer 150 quilómetros polo Val Miñor e o seu ámbito, deberán pasar pola liña de meta a partir das 20.30 horas, penalizándose con puntos cada segundo de atraso respecto ao cronograma establecido.

O rexedor municipal, Alberto Valverde, celebrou a realización destas dúas competicións nun mesmo fin de semana, que permitirá atraer a Nigrán máis de 250 deportistas procedentes de diversos puntos da xeografía galega e nacional, e que virán tamén acompañados por familia e amigos, “o que sen lugar a dúbidas será un revulsivo para a actividade hostaleira local”, engadiu.