Nigrán celebra o Día do Libro coa presentación dunha obra sobre a heráldica e os pazos locais

Nigrán conmemora o Día do Libro coa presentación do libro “Nigrán, casas pazos, heráldica e liñaxes”, escrita por Rafael Rodríguez Fernández-Broullón, e editada pola Deputación de Pontevedra, nun acto celebrado hoxe no Salón de Actos municipal que contou coa presenza da deputada provincial, Marta Iglesias, o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva, e o autor, quen ofreceu ao público asistente un resumo do contido da obra.

O libro, con máis de 350 páxinas, preséntase como un percorrido minucioso e detallada da heráldica e a xenealoxía local, dende o século XV ata os nosos días, que permitirá ao lector coñecer ou redescubrir a historia e o patrimonio do municipio, “un patrimonio que, en maior ou menor medida, configura o noso presente e noso futuro”, sinalou o rexedor municipal.
A obra esconde unha ardua tarefa de investigación por parte do seu autor, que permiten presentar hoxe un Nigrán como nunca antes se vira, que como indicou Fernández-Broullón, ten como obxectivo subliñar a riqueza patrimonial que foi forxando o municipio nos últimos 500 anos”.
O rexedor municipal resaltou o valor incalculable desta obra dende un punto de vista cultural, que pode definirse como o primeiro catálogo patrimonial de Nigrán, “un valor que se multiplica se temos en conta os descubrimentos realizados polo autor ao longo da investigación, que permitiron clasificar pedras de armas inéditas, casas nativas condenadas ao esquecemento ou pazos non recoñecidos”, engadiu Valverde.

Ademais, o libro recordará ao lector en particular e á sociedade no seu conxunto a importancia de conservar, protexer e poñer en valor o patrimonio histórico e cultural, “non tanto só por axudarnos a coñecer o noso pasado, senón porque o patrimonio é sen lugar a dúbidas unha das claves que nos permitirán reactivar a actividade cultural e turística de Nigrán, e con elas, dinamizar o desenvolvemento económico do municipio”, concluíu.
Triloxía
Na súa intervención, o autor avanzou que esta obra, inédita e pioneira na bisbarra, é o primeiro libro dunha triloxía, á que se sumarán dous volumes dos concellos veciños de Gondomar e Baiona, que sen lugar a dúbidas revalorizará o patrimonio, a historia e a cultura da bisbarra.
Teatro musical
A programación deste ano para celebrar o Día do Libro completarase o próximo domingo, cunha obra de teatro musical para nenos sobre un dos clásicos da literatura infantil, “Os tres porquiños”. A obra representarase o próximo domingo 27 de abril ás 19.00 horas no Salón de Actos municipal, e o seu acceso será libre e gratuíto ata completar aforamento.