Nigrán asinará un convenio con Augas de Galicia para ampliar a rede de abastecemento e saneamento do municipio

O goberno municipal levou á sesión plenaria celebrada hoxe a aprobación do texto para a firma dun convenio de colaboración con Augas de Galicia, que contempla a realización dunha serie actuacións de mellora e ampliación da rede de abastecemento e saneamento en distintos puntos do municipio. Aínda que aínda queda moito por facer nesta materia, o rexedor municipal subliña a importancia deste convenio, un paso máis para completar as infraestruturas hidráulicas de Nigrán, cuestión prioritaria para o goberno que presido.

O custo total das actuacións a realizar –que contemplan un prazo de execución de até tres anos- ascende a un millón de euros, dos cales o organismo autonómico achegará un 80% (800.000 euros) e o concello o 20% restante (200.000 euros).

O rexedor municipal subliñou o valor das actuacións a acometer, “que darán respostas a unha das grandes demandas do municipio”. Así mesmo, agradeceu o esforzo realizado pola Xunta de Galicia, especialmente nos tempos de contención do gasto público no que nos atopamos, e asevera que non é máis que unha nova mostra do compromiso da administración autonómica con este municipio.

O obxectivo do convenio é mellorar a rede de abastecemento e saneamento municipal, “mellorando os servizos municipais dos veciños á vez que se reducen riscos de contaminación medio ambiental da contorna”, observa Valverde.

Entre as actuacións a realizar, o convenio contempla como máis urxentes a ampliación do abastecemento de auga en Parada e Camos e o saneamento para a mellora ambiental do parque empresarial Porto do Molle, así como outras obras nas parroquias de Priegue e de Nigrán.

Máis de dous millóns en saneamento e abastecemento
Á firma deste convenio coa Xunta de Galicia, valorado nun millón de euros, súmase o investimento de 1,1 millóns de euros realizada tamén pola administración autonómica na ETAP de Condomínguez. Esta actuación, contemplada no Plan Galego de Infraestruturas Hidráulicas, supón un aumento da capacidade de tratamentos da estación nos momentos en que entran en funcionamento os sistemas de eliminación do ferro.

Así mesmo, o goberno municipal destinará máis de 154.000 euros procedentes do Plan de Investimentos da Deputación de Pontevedra para a realización de cinco actuacións de mellora da infraestrutura hidráulica. Entre as obras contempladas figuran a ampliación do saneamento na Tarela, a instalación da rede de saneamento e abastecemento nas zonas sur de Tomadas e Viñariño de Abaixo, o saneamento da ligazón da Rúa Telleira co Camiño do Cabalo e a ampliación do saneamento na Avenida José María Pérez Alonso.

“As xestións realizadas con outras administracións nos dous últimos anos permitíronnos conseguir máis de 2 millóns de euros para mellorar a rede de saneamento e abastecemento municipal, a pesar das dificultades económicas que estamos a atravesar”, puntualizou Valverde. Neste sentido, o rexedor municipal avanza que seguirá traballando para dotar a Nigrán dunha infraestrutura hidráulica en condicións.

Punto limpo
Así mesmo, o rexedor municipal avanza que as obras para a construción dun punto limpo en Nigrán, outro dos compromisos adquiridos cos veciños, comezarán o próximo mes de setembro. A contía desta actuación, tamén financiada pola Xunta de Galicia, ascende aos 300.000 euros.

A posta en funcionamento do punto limpo optimizará o sistema de recollida de voluminosos, podas e outros residuos do municipio, simplificando o proceso de reciclaxe aos veciños e veciñas do municipio e incrementando a protección e o respecto ambiental. “Esta infraestrutura permitirá mellorar a imaxe do municipio, ao eliminar os restos que se acumulan de forma habitual en moitos camiños e viarios do municipio, e que pon en perigo a calidade ambiental da nosa contorna”, engade.