Nigrán aproba a cesión do contrato da PXOM a EPTISA e o orzamento para 2015

Nigrán aprobou no pleno celebrado onte a cesión do contrato de redacción do PXOM a EPTISA e o orzamento para 2015, á vez que deu luz verde á reasignación de fondos afectados polo aproveitamento urbanístico do SAU-9 en Porto do Molle por valor de 338.938 euros.

A tramitación do PXOM segue adiante, tras a aprobación da cesión do contrato do PXOM á empresa EPTISA, tras a entrada en concurso de acredores dunha das empresas da UTE responsable da súa redacción, que contou co apoio do goberno municipal e do concelleiro non adscrito, Ignacio Vilas, e coa abstención do grupo socialista e o veto do BNG e UCN.

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, cualifica a cesión do contrato do PXOM como un triunfo para Nigrán e os seus veciños, “que se atopan un paso máis preto de contar cunha normativa urbanística actualizada e adaptada, que permitirá un desenvolvemento ordenado e sustentable do municipio”, apunta.

As contas para 2015
A proposta de orzamento elaborada polo goberno municipal contou cos votos a favor de goberno municipal e a abstención do concelleiro non adscrito, Ignacio Vilas, aprobando así unhas contas de 12,3 millóns de euros que priorizan a dinamización do emprego, o gasto social e a educación, “e que dan resposta ás necesidades actuais do municipio e dos seus veciños”, sinala Valverde.

Neste sentido, o alcalde agradece a postura do concelleiro non adscrito, Ignacio Vilas, que permite sacar adiante as contas do municipio para o próximo ano e desbloquear o PXOM, á vez que achega estabilidade política aos meses que restan para finalizar o mandato.

Prácticas laborais no concello
A partida que experimenta un maior incremento é a de emprego, cunha previsión de gasto de 80.000 euros, dos cales o goberno municipal destinará 70.000 á creación do primeiro plan de bolsas laborais para mozos titulados a nivel municipal, con sete bolsas para veciños de Nigrán, que poderán introducirse no mercado laboral realizando prácticas nas propias dependencias municipais.

Servizos sociais e educación son os outros dous alicerces da proposta do goberno municipal, que experimentarán importantes subidas respecto das contas de 2013. Así, a partida para gasto social supera os 200.000 euros, destacando os epígrafes de emerxencia social, asistencia domiciliaria e outros gastos diversos en servizos sociais. En educación, o goberno prevé un gasto de 55.600 euros, que se empregará para reforzar a conservación e mantemento das infraestruturas escolares, así como para as axudas destinadas á adquisición de libros escolares para infantil.

Os colectivos culturais e deportivos poderán optar tamén a unhas liñas de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, grazas á creación de dúas partidas de 25.000 euros cada unha, do mesmo xeito que as asociacións veciñais, que contan cunha partida de 10.000 euros.

Investimentos
O capítulo de investimentos con recursos propios experimentará en 2015 un incremento do 100% respecto das contas de 2013, cunha partida de 518.714,38 euros, que o goberno municipal destinará a diversas obras de reposición e mantemento das vías públicas, a adquisición de terreos para o acceso ao momento limpo e a dar cumprimento ao convenio plurianual subscrito con Augas de Galicia para completar a rede de abastecemento e saneamento do municipio, cunha achega de 100.000.

Aos investimentos propios súmanse outras actuacións financiadas con fondos procedentes doutras administracións, entre as que destacan as obras para ampliar a rede de abastecemento de auga ás parroquias de Camos e Parada cun investimento total por parte da Xunta de Galicia de 1.408.831 euros, e que, como lembrou o alcalde no transcurso da sesión plenaria de onte, “o abastecemento de auga a Camos e Parada materializarase en 2015, dando así resposta a dúas demandas históricas do municipio neste mandato”.

Reasignación de fondos procedentes do SAU-9
Así mesmo, o pleno da corporación deu luz verde onte á reasignación de fondos afectados polo aproveitamento urbanístico do SAU-9 en Porto do Molle por valor de 338.938 euros, procedentes dos sobrantes da construción do novo edificio do concello, da urbanización de San Roque e da actuación para mellorar a seguridade viaria e peonil na Rúa Porto do Molle.

O goberno municipal destinará estes fondos ao asfaltado e construción dunha senda peonil entre o parque empresarial desde a Rúa Porto do Molle e a Praza da Carrasca por valor de 105.000 euros; unha actuación de mellora de pluviais en A Laxe e continuación da senda peonil na Rúa Porto do Molle, cun investimento de 21.000 euros; e o soterramento do tendido e liñas eléctricas en San Roque (185.000 euros) e Praza da Carrasca (27.938 euros).