Nigrán adxudica o Centro da Terceira Idade da Ramallosa

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, asinou hoxe a adxudicación do Centro da Terceira Idade da Ramallosa a favor da empresa de nova creación Janor Val Miñor, unha concesión cun canon de adxudicación anual de 3.000 euros e unha duración do contrato de oito anos, a contar desde a data de apertura das instalacións.

A este canon hai que sumar o importe correspondente ás obras de reforma e acondicionamento das instalacións, valoradas en 86.699 euros no proxecto redactado pola enxeñeira municipal. “O novo concesionario deberá acometer as obras de reformas nun prazo máximo de seis meses desde a firma do contrato, que terá lugar nos próximos días”, explica Valverde.

O rexedor municipal subliña unha vez máis a competitividade desta concesión, “un proceso máis adaptado á conxuntura socioeconómica que a promovida polo anterior goberno, e que levou ao anterior adxudicatario a revogar a concesión a principios deste ano”, lembra.

Así mesmo, reiterou o cambio de criterio do goberno municipal respecto ao asumido en anteriores mandatos, no que prima a calidade dos servizos ofertados fronte á contrapartida económica. Tal e como sinala Valverde, “a nova concesión do Centro da Terceira Idade da Ramallosa prioriza, por encima da remuneración económica, ofrecer un servizo completo e en óptimas condicións, e así o recollía o prego, ao incorporar a organización de actividades para maiores como un dos requisitos para optar á concesión”.

“A xestión deste goberno prioriza a responsabilidade, a calidade e o servizo, e do mesmo xeito que ocorreu coa Praia Club en Panxón, o Centro da Terceira Idade da Ramallosa volverá abrir as súas portas nos próximos meses, pero esta vez dentro da legalidade e con auténticas garantías de calidade”, conclúe Valverde.