Nigrán abrirá nos próximos días o período de inscrición para optar ao Primeiro Plan de Bolsas Municipal

O Concello de Nigrán abrirá nos próximos días o período de inscrición para optar ao Primeiro Plan de Bolsas Municipal, unha iniciativa posta en marcha polo goberno municipal que ofertará seis bolsas para titulados en situación de desemprego empadroados en Nigrán.

A posta en marcha do primeiro Plan de Bolsas Municipal formalizarase tras a publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, que terá lugar nos próximos días.

Aínda que o prazo de presentación oficial das solicitudes, que será de sete días hábiles, abrirase a partir do día seguinte á devandita publicación, as persoas interesadas en optar a este primeiro Plan de Bolsas Municipal teñen á súa disposición toda a información sobre este programa e as súas bases na páxina Web municipal, no Departamento de Emprego –no teléfono 986 36 50 00, extensión 1 ou no correo electrónico tle.nigran@nigran.org), no Centro Antena Municipal e Servizo de Orientación Laboral –no teléfono 986 36 65 72 ou nos correos centroantena@nigran.org e orlaboral@nigran.org- e no Rexistro Municipal.

Primer Plan de Bolsas Municipal
Este programa, deseñado polo goberno municipal, ofrecerá a seis persoas en situación de desemprego empadroadas en Nigrán a posibilidade de facilitar a súa adaptación ao mercado laboral, ampliando a súa experiencia e formación antes de incorporarse a un posto de traballo ordinario, tanto na administración pública como no sector privado.

“Unha iniciativa innovadora e pioneira na comarca”, lembra o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, e que pon o broche de ouro ás accións formativas e de emprego desenvolvidas polo goberno municipal no catro últimos anos para contribuír a mellorar a empregabilidade dos veciños e veciñas de Nigrán.

O programa ten como obxectivo que as persoas participantes adquiran calidades valoradas pola contorna empresarial, mellorando tanto as súas habilidades profesionais como persoais, ambas as necesarias para un correcto desenvolvemento dunha carreira profesional no contexto actual, altamente competitivo.

Nesta primeira convocatoria, o goberno municipal oferta catro bolsas de ciclo medio de xestión administrativa para as áreas de Rexistro/Arquivo, Persoal, Servizos Urbanos e Centro Antena, unha bolsa de ciclo superior de administración e finanzas para a área de Recadación e unha bolsa de ciclo superior de animación sociocultural para o CIM.