Máis dun millar de persoas consultan o PGOM

O Plan Xeral de Ordenación Municipal permanecerá en período de exposición pública até o próximo 3 de outubro, tal e como se acordou na sesión plenaria do mes de xullo, na que a corporación decidiu prorrogar un mes máis esta fase de tramitación do documento. Até a data, máis dun milleiro de persoas consultaron o PXOM, 813 directamente cos técnicos do departamento de Urbanismo e o restante no Salón de Plenos, onde está exposto ao público desde o pasado mes de xullo.

Máis concretamente, Urbanismo recibiu en xullo a 331 persoas, en agosto a 341 e en setembro, até hoxe, a 141. “Estes datos desacreditan tajantemente as declaracións realizadas polo portavoz de UCN, Antonio Fernández Comesaña”, asevera o rexedor municipal, Alberto Valverde.

“Os técnicos municipais están a disposición de todos os veciños para calquera dúbida, consulta ou asesoramento relativo ao documento, de luns a venres nas dependencias municipais, e serán atendidos sen cita previa na segunda planta do novo edificio municipal”, lembra Valverde, quen tamén agradece o esforzo que están a realizar os técnicos municipais desde o pasado mes de xullo. Así mesmo, o documento de ordenación urbanística seguirá exposto no Salón de Plenos municipal até o próximo 3 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

O rexedor municipal desmente así as acusacións sobre falta de transparencia na tramitación do PXOM vertidas por Fernández Comesaña, e reitera que o documento se está tramitando con absoluta normalidade. Valverde fai un chamamento á responsabilidade ao portavoz de UCN, e lamenta que a única función que queira desempeñar como membro da corporación na aprobación dun documento de vital importancia para o crecemento de Nigrán sexa a de tentar ensucialo e boicotealo.

Así mesmo, lembra que ademais das reunións informativas por parroquias previas á aprobación inicial, desenvolveuse unha páxina Web para aloxar o documento e informar en todo momento sobre a súa tramitación e ampliouse o período de exposición pública nun mes, entre outras medidas adoptadas polo goberno municipal. “Acusar a este goberno de falta de transparencia na tramitación da PXOM é carecer de decencia e de dignidade moral”, espeta Valverde.

Neste sentido o rexedor municipal lembra que non é a primeira vez que Fernández Comesaña tenta manobras destas características. O pasado 7 de agosto entrou por rexistro a negativa da Xunta de Galicia á solicitude de impugnación da aprobación inicial do PXOM presentada polo portavoz de UCN. Nela, a Dirección Xeral das Administracións Locais deixa claro a legalidade do procedemento de aprobación inicial do PXOM, “xa que todos as cuestións expostas nos informes dos técnicos poden ser emendadas ao longo da tramitación do mesmo, e non son motivo para no aprobar de forma inicial o plan, tal e como expuxen na sesión plenaria extraordinaria para a súa aprobación inicial”, conclúe Valverde.