Comezan as obras de humanización na Avda. Castelao

As obras de peonalización parcial da Avda. Castelao, que converterán o tramo desta rúa entre a PO-552 e Alcalde Manuel Alonso nun espazo de lecer e esparexemento con parque infantil no corazón de Nigrán comezarán o vindeiro luns. A actuación, cuxa investimento ascende aos 218.456 euros, será financiada na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra, dentro dun plan de obras e servizos.

O proxecto contempla a creación dun espazo de lecer e esparexemento dotado de zonas verdes, parque infantil e bancadas, “convertendo un espazo neurálxico do municipio, fronte á Casa Consistorial, nunha zona de lecer e esparexemento para os veciños, e especialmente para os máis pequenos, xa que o proxecto contempla a instalación dun parque infantil e zonas verdes, ademais de dinamizar a actividade hostaleira e comercial no centro de Nigrán”, subliña o alcalde, Alberto Valverde.

Valverde define este proxecto como o primeiro paso para consolidar o centro urbano de Nigrán como un punto de encontro veciñal e de lecer, “como os xa existentes en Panxón e A Ramallosa”, sinala. “Unha vez máis, é este goberno o que responde con feitos e realidades ás demandas dos veciños, como era a dotación ao centro de Nigrán dun espazo público destas características, no que se prioriza a figura do peón nunha contorna no que os nosos veciños poderán facer vida”, engade.