NOVAS

Sanidade, Relacións Veciñais e Comercio

11/09/2013

O novo centro de saúde de Panxón entrará en funcionamento no primeiro semestre de 2015

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Nieves Domínguez González, visitou hoxe os terreos onde se construirá o centro de saúde de Panxón, acompañada polo alcalde de Nigrán, Alberto Valverde Pérez; a concelleira de Benestar Social e Sanidade, María del Carmen Alonso-Macías; o xerente de Xestión Integrada de Vigo, Mario González González; e a xefa territorial da Consellería de Sanidade, Ángeles Feijóo-Montenegro.

A construción desta nova instalación da rede sanitaria pública galega, que conta cun investimento de 1,3 millóns de euros, está cofinanciada con fondos europeos e enmárcase no obxectivo da Estratexia Sergas 2014 de modernizar as infraestruturas da rede de atención primaria, para mellorar a asistencia prestada á cidadanía e o contorno de traballo dos profesionais.

A construción do novo centro de saúde, tan demandado como necesario, será nos próximos meses unha realidade tanxible, xa que a xerente do SERGAS adiantou que a adxudicación da obra está prevista para principios de 2014, e a inauguración do novo centro para o primeiro semestre de 2015.

O plan funcional do futuro centro de saúde, situado no concello de Nigrán, recolle unha área de medicina xeral e enfermería con doce consultas, unha sala de extraccións, unha sala de técnicas e unha sala polivalente. Tamén terá unha área de pediatría cunha consulta de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica. Ademais, contará con área de administración, arquivo, almacéns e outros servizos comúns.

O centro de saúde, que contará cunha superficie construída de ao redor de 1.078 metros cadrados, situarase nunha parcela de 4.395 metros cadrados cedida polo Concello.


O rexidor municipal reiterou a importancia desta inversión por parte da Consellería de Sanidade, especialmente nos tempos que vivimos, que mellorará o servicio sanitario do municipio, implementando tanto a calidade de vida como a asistencia sanitaria para os veciños de Nigrán. “Esta actuación, así como as inversións comprometidas polo goberno autonómico nos últimos dous anos, como as obras de mellora da ETAP, o punto limpo ou as actuacións de mellora das infraestructuras hidráulicas, entre outras, certifican o compromiso adquirido pola Xunta de Galicia cos veciños deste municipio”, afirmou Valverde.

Así mesmo, manifestou a súa satisfación pola xestión realizada desde o goberno municipal ao conseguir ceder os terreos á Xunta de Galicia para a construción deste novo centro de saúde, dando así cumprimento a outro dos compromiso adquirido cos veciños do municipio.

Na visita, a xerente estivo acompañada pola arquitecta Cristina Fernández, especialista en arquitectura sanitaria que, entre outras obras, proxectou e dirixiu a reforma integral e rehabilitación do Hospital Abente e Lago da Coruña e participou na redacción e dirección da fase II do plan director do C.H. Universitario da cidade herculina. Tamén participou na ampliación do hospital de Monforte e en diversas reformas no Hospital de Conxo, en Santiago.

Cristina Fernández forma parte do colectivo de profesionais que encabeza Joaquín López Fando, coordinador responsable do equipo que leva a cabo a revisión do proxecto de execución do centro de saúde, introducindo, entre outras melloras, elementos de eficiencia enerxética coa fin de dotalo dos máximos estándares de calidade e sustentabilidade ambiental.


Volver