A Xunta de Galicia inviste máis de 300.000 euros na construción do punto limpo de Nigrán

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, supervisou hoxe, en compañía do rexedor municipal, Alberto Valverde, así como con outros membros do equipo de goberno, as obras de construción do novo punto limpo de Nigrán situado nas proximidades de Cameselle, na parroquia de San Pedro, e que permitirá realizar a xestión especifica dos residuos especiais. Hernández trasladou que a Xunta de Galicia inviste nesta nova infraestrutura máis de 300.000 euros coa que se contribuirá ao coidado do medio ao facilitar o correcto destino dos residuos e a eliminar os puntos de vertido incontrolado.

Os veciños de Nigrán contarán así co seu primeiro punto limpo a finais deste ano no que poderán depositar todos aqueles materiais especiais que polas súas características de volume ou perigosidade non se poden depositar nos colectores da rúa.

O novo punto limpo de Nigrán, que se atopa no 35% da súa execución, contará con un almacén para residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAAES) e 28 contedores:

– Sete contedores abertos de 20 m3 para madeira, metais, entullos, voluminosos e plástico.
– Un contedor metálico de roupa, de 3 m3.
– Un contedor metálico para cartón, de 3 m3.
– Un contedor tipo iglú para papel, de 2.500 litros.
– Un contedor tipo iglú para vidro, de 2.500 litros.
– Un contedor tipo iglú para envases, de 2.500 litros.
– Un contedor de dobre casco (negro) para disolventes, de 600 litros.
– Un contedor de dobre casco (verde) para aceites minerais, de 600 litros.
– Un contedor de dobre casco (laranxa) para aceites vexetais, de 600 litros.
– Dous bidóns para pilas, de 20 litros.
– Dous contedores para fluorescentes, de 1.400 litros.
– Dous contedores para baterías, de 610 litros.
– Dous contedores para residuos perigosos, de 300 litros.
– Un contedor para vidro plano, de 1.100 litros.
– Un contedor para aerosois, de 240 litros.
– Un contedor para radiografías, de 240 litros.

Hernández apuntou que a rede autonómica da Xunta xa conta con 132 puntos limpos que se completará con 5 máis que están en tramitación ou construción. Estes son os de Fene, Sada Trabada e A Veiga, ademais do de Nigrán que suporá o punto limpo número 32 para a provincia de Pontevedra.

Unha ferramenta importante para a correcta xestión ambiental e económica deste tipo de infraestruturas e a Guía para a Clasificación de Residuos nos Puntos Limpos, que a Consellería de Medio Ambiente ten dispoñible dende o pasado 28 de marzo e que inclúe información de utilidade para os operarios sobre a xestión dos distintos tipos de residuos. Así preténdese que, a través dunha mellor formación dos traballadores, maximizar as posibilidades de recuperación, reciclaxe e valorización dos diferentes materiais achegados.

Esta medida enmarcase dentro do Programa de Vixilancia e Control dos Puntos Limpos da Consellería, co fin de prestar asesoramento e avaliar a xestión que se fai dos residuos.

Investimentos no concello de Nigrán
Durante a visita, o conselleiro de Medio Ambiente informou que o seu departamento ten previsto no concello de Nigrán unha inversión de 4,6 millóns de euros. Dentro deste orzamento destaca a explotación da depuradora, que suporá un desembolso da Xunta de Galicia de 2,5 millóns de euros entre os anos 2014 e 2020.

Por outra banda, Hernández explicou que nos case 30 millóns comprometidos para investir na area metropolitana de Vigo destacan as partidas da mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Nigrán que esta a punto de ser adxudicada, e o convenio para a dotación de infraestruturas hidráulicas na zona rural do concello.

Para a mellora da ETAP, que permitirá solucionar a demanda de auga no verán a Consellería de Medio Ambiente destina 1,09 millóns de euros. Hernández explicou que a obra licitouse o 2 de setembro e estase en período de recepción de ofertas e augurase poder firmar o contrato durante o primeiro trimestre de 2014.

Ademais está previsto que o Consello da Xunta autorice o convenio para a dotación de infraestruturas hidráulicas no rural de Nigrán na segunda quincena de novembro. Con esta colaboración se desenvolverán unha decena de actuacións de abastecemento e saneamento nas que se investirá 1 M€, cantidade na que a Xunta pon o 80% e onde xa hai comprometidas para o vindeiro ano 400.000 euros.

Pola súa parte, Valverde valorou de forma moi positiva a inminente posta en marcha desta infraestrutura, un dos compromisos adquiridos polo goberno municipal cos veciños deste municipio, e unha vez máis agradeceu o compromiso da administración autonómica con Nigrán. “Tras moitos anos de espera, os veciños de Nigrán poderán finalmente contar cunha infraestrutura demandada desde hai anos, que ademáis permitirá mellorar o coidado e a protección medioambiental da nosa contorna”, sinalou Valverde.

Praza de A Carrasca
Por outra banda, o rexedor municipal, Alberto Valverde adiantou a adxudicación das obras de acondicionamento da praza de A Carrasca á empresa Construcciones Ainxuela por valor de 86.054,60 euros, cuxo contrato formalizarase nun prazo máximo de dez días.