A Deputación de Pontevedra aproba a licitación das obras da Praza da Avenida Castelao

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o pasado venres a licitación do proxecto de peonalización parcial da Avenida Castelao, no tramo comprendido entre a PO-552 e a rúa Manuel Alonso. Desta forma, o espazo converterase na primeira praza pública do centro urbano do municipio, cun investimento total de 218.456 euros.

A actuación será financiada ao 100% pola Deputación de Pontevedra dentro do seu Plan de Obras e Servizos, cuxo importe correspondente ao Concello de Nigrán o gobierno municipal decidiu invertilo nesta actuación, “fundamental para o crecemento como “pobo” do centro do municipio”, apunta Valverde.

O proxecto contempla a creación dun espazo de lecer e esparexemento dotado de zonas verdes, parque infantil e bancadas, “o que por fin converterá unha zona neurálxica do municipio nun lugar para o uso e goce dos veciños e visitantes, e que tamén axudará a dinamizar a actividade hostaleira e comercial do centro de Nigrán”, sinala o rexedor municipal.

A iniciativa achega solucións técnicas sinxelas pero moi eficaces para a adaptación deste espazo nunha praza pública. Como se aprecia na infografía, “o proxecto contempla achandar o terreo que na actualidade ten un lixeiro desnivel e conectalo cos xardíns xa existentes entre os dous edificios que hoxe configuran o concello”, explica Valverde.

O obxectivo do goberno municipal é dotar ao centro de Nigrán dun espazo público que fomente as relacións entre veciños, especialmente atendendo á localización estratéxica do ámbito de actuación. “A idea é transformar este espazo, fronte á Casa Consistorial e nunha zona de actividade comercial e hostaleira, nunha zona única na que a figura do peón é prioritaria, sen prexuízo de convivencia entre os diferentes usuarios que a día de hoxe empregan a zona”, subliña o rexedor.

O rexedor municipal afirma que este proxecto supón o primeiro paso para a consolidación do centro urbano de Nigrán como punto de encontro veciñal e de lecer, que se sumará aos xa existentes en Panxón e A Ramallosa. Así mesmo, resalta que será o goberno que el preside o dea solución a outra das materias pendentes ignoradas polos diversos equipos de goberno que pasaron nos últimos anos polo concello.

“Fronte a formulacións idílicos ou teóricos, conseguiuse pór en práctica unha idea realista e asumible, que prioriza a mobilidade dos peóns nun espazo público que dotará ao centro de Nigrán un foro e unha contorna onde facer vida”, engade.

Prazos previstos
Valverde estima que a licitación da obra se publicará no BOP ao longo da próxima semana, momento no que se abrirá o período de exposición pública para que as empresas interesadas presenten as ofertas. “A nosa previsión é que as obras comecen nun prazo mínimo de dous meses, cun período de execución das mesmas de catro meses”, engade.