A Deputación de Pontevedra adxudica a humanización parcial da Avda. Castelao por valor de 218.456 euros

A Deputación de Pontevedra adxudica o proxecto de humanización parcial da Avda. Castelao por valor de 218.456 euros, un proxecto que se enmarca dentro do Plan de Investimentos da Deputación deste ano, e que dotará ao centro de Nigrán dunha zona verde, cun parque infantil para os máis pequenos, xardíns, mobiliario urbano e iluminación pública para o goce dos veciños e veciñas do municipio.

A praza situarase na Avda. Castelao, no tramo que discorre entre a PO-552 e a rúa Manuel Alonso, xunto á Casa Consistorial e no centro neurálxico do municipio, “unha localización estratéxica onde crearemos un espazo público de lecer e esparexemento que fomente as relacións entre os veciños, á vez que axude a dinamizar a actividade hostaleira e comercial da zona, dando prioridade na súa formulación á figura do peón”, apuntou o rexedor.

O proxecto contempla a creación dun foro público, que se situará xusta fronte ao novo edificio do concello, e contará tamén cunha zona de xogos para nenos, xardíns, mobiliario urbano e iluminación pública, e ten un prazo de execución estimado de catro meses.

A obra dará resposta a unha demanda histórica da parroquia de Nigrán, “cunha execución moi sinxela desde un punto de vista técnico pero que mellorará a calidade de vida dos nosos veciños e a imaxe do centro do municipio”, sinalou Valverde.

Neste sentido, sinala que esta actuación supón o primeiro paso en firme dado por un goberno municipal para consolidar Nigrán como un dos centros neurálxicos do municipio, xunto con Panxón e A Ramallosa, “unha materia pendente á que este goberno da resposta”. “Fronte a formulacións idílicos ou teóricos, conseguimos pór en práctica unha idea realista e asumible, que prioriza a mobilidade dos peóns nun espazo público e que dotará ao centro de Nigrán dun foro e unha contorna onde facer vida”, engade.